Nunca escribira nada no meu blog en galego, e co motivo do certame literario que hai no meu centro, aquí vai unha pequena historieta.
Todo o que fagas na vida será insignificante pero é moi importante que o fagas.
Ganhdí
A cabeza non lle ía mal, pero o corpo pouco caso lle facía. Os recordos agora era o que lle invadía a mente. Todo aquilo pasado, todo aquilo vivido, todo aquilo sufrido, todo aquilo que o levou ata aí, ata esa cama, ata esa habitación.
Os primeiros recordos, cronoloxicamente, eran os da infancia. Unha infancia na que non tivo protagonismo, na que recibiu de todo menos o que precisaba, amor. Seu pai morto polas drogas nun arranxo de contas polo que a súa nai vírase obrigada a gañar cartos da única forma que podía aínda que non lle gustara, aínda que lle parecera unha burrada, pois non había outro remedio: non tiña estudos e era viúva. Cando na casa levaban tempo sen comer e a súa nai non volvía en varios días, tiña que tratar de conseguir algo para levar á súa boca e á dos seus irmáns, xa que era o máis grande. Tentaba roubar nos pequenos comercios coma panaderías ou pastelerías o pan que sobraba do día anterior, pero a mala reputación da nai facíalle ser un indesexable, como alguén ó que non lle hai que ter piedade; polo que cando o pillaban en plena faena, en vez de pan, traía paus á casa. Por riba, os famentos que lle agardaban na casa, enfadábanse con el por non ter nada que poder mastigar. Pero seguía tendo algo de ilusión pola vida, pois ‘o importante é o final’.
Na escola mirábano de reollo e con cara de noxo, xa non só pola súa nai, senón pola súa roupa e polo seu cheiro. Polo menos pasaba os cursos e contestaba con certa intelixencia ás preguntas dos profesores, pero a fama inflúe a todos, e os profesores son persoas, polo que a súa calificación tiña máis connotacións que a dos demais e a súa progresión, a pesares do seu empeño, víase cortada ano tras ano, pois para el todo eran complicacións: ‘Non cumpres as condicións necesarias para matricularte neste centro, ‘Non es unha boa influencia para os demais alumnos’, os típicos prexuízos que houbo sempre nesta ‘sociedade tan acolledora’.
Unha pesada infancia da que saíu sen facer ruído, pois se eras ruidoso e pobre, paus. A adolescencia foi máis dura. Esa é a época na que es suxeito ó rexeite das mozas, ós vaciles dos rapaces. Pero o conto cambia cando os vaciles pasan a insultos, e de aí ás tundas. Malleiras por non facer nada, malleiras por ser pobre. Malleiras porque a alguén llas había que dar. O motivo daba igual. Na casa non atopaba apoio pois ó ser o maior tiña que ser o máis forte moralmente e a súa nai non andaba para contos. ‘Sempre tenas que levar alguén nun grupo, esta vez tocoume a min’, pensando que non había que botarlle culpa á sorte. A súa visión da vida era marabillosa.
Apenas con dezaoito anos a súa nai falece a causa do SIDA. Unha vida efémera na que non puido dar amor ós seus fillos, na que perdeu toda a dignidade coa que naceu, na que malgastou o seu tempo en facer o que non quería, na que pasou fame, na que chorou pola súa sorte, na que morreu coma unha persoa marxinal, na que non puido deixar herdanza, na que nada era todo o que tiña.
Traballaba na fábrica case dez horas diarias para poder levar algo á casa ós seus irmáns, e de vez en cando escribía algún parágrafo, algo interesante, algún soño, algunha ilusión, algo que non llo podía contar a ninguén, algo que tiña que contarllo a alguén, algo que quedou sempre neses ‘papeis que ninguén lería’, dicía el.
Así como pasaban os anos, os seus irmáns facíanse maiores e marchaban da casa, coa sorte de ter alguén con quen marchar, cun destino no que poder traballar, cunha vida por empezar. Sentíase como o pai que nunca tivo, do que nunca se sentiu orgulloso, pois choraba sen consolación cada marcha dos seus irmáns. Choraría menos se quedasen no pobo, pero os lugares onde marchaban, quedaban bastante lonxe e o transporte tiña un prezo demasiado alto para poder viaxar dun lado cara outro.
Marcharon todos, non quedou ningún. Pouco sabía deles, de vez en cando unha carta, de vez en cando unha postal. Cada vez menos, ata pasares incluso un ano sen saber absolutamente nada. ‘Andarán moi ocupados’.
Naquela soidade decidiu que aqueles papeis os debería ler alguén. Pediu consello nunha librería e mandou á editorial moitas historias das que escribira. Non tardaron en responder e por fin foron boas palabras para el. Interesáronse en como foi a súa vida, pois as súas obras rebordaban optimismo e alegraban o día. Quedaron asombrados ó advertir o emprego da súa nai, a morte do seu pai e a dura vida que tivera. Acordaron facer unha entrevista.
Nela fixéronlle mil preguntas sobre a súa vida. Estiveron varios días un bo grupo de xente na súa casa escoitando anécdotas da súa vida con todo tipo de detalles. Ó final, quedaron de chamar. Pasou unha semana, pasaron dúas, tres e catro semanas e non tiña ningunha noticia. ‘Ó mellor non son o que buscan, non hai problema.
Un día, indo a buscar o pan, notou que toda a xente miraba para el con admiración. Esbozaba un leve sorriso, como de costume, ata que atopou o porque de tanta xente admirándoo. ‘Gustoume moito a túa biografía, ‘Graz… o que?’, ‘ O libro que acabas de sacar’, ‘O que!?’, ‘Si home, o que publicaron onte, xa parece un beselér1! Ou como se diga’. Apurado saíu da panadería e chamou á editorial. Publicaran unha biografía da súa vida e non o avisaran; por iso tantos días na súa casa, por iso tanta interese: para non pagar. Por primeira vez deixou de sorrir por iluso, por boa persoa, por ser diferente e ó pouco enfermou. E de aí ata agora.
Moita xente ó redor dunha cama. Toda esa xente na que estaba incluída a súa familia, os seus irmáns. Toda esa xente que admiraba a vida de alguén que conseguiu transmitir unha mensaxe ós demais. Todos eles ó redor da vida alegre. Ó redor da cara positiva. Ó redor do goce da vida. Ó redor do amor. Ó redor de alguén que dou o que nunca tivo. Ó redor da persoa pola que todo o mundo debería sorrir ó erguerse, porque todo o que fagas pode ser que non teña importancia ningunha nese momento, pero é imprescindible que o fagas.
1Beselér: ‘Best-seller’ (fonética)